Mini e Mero, Fuxan Os Ventos, A Quenlla

 

Voz en off.- Ola, eu son Mini e Mero. Son a voz que os representa conxuntamente. Porque en moitos aspectos son unha soa persoa, unha soa vida... Xuntos, Mini e Mero, son moito máis ca dous. Pero na miña voz, son unha unidade.

A verdade é que, escoitándome dicir esto, ata a min me soa raro. Vou repetir o comezo.... Ola. Eu son Mini e Mero.

Pois terei que afacerme, porque eu son, aquí e agora, a voz común destes dous galegos senlleiros, que desde o comezo dos seus tempos soñan cunha Galicia diferente e traballan para conseguila.

Eu son, xa dixen, Mini e Mero... pero claro está que os dous teñen vida individual, e eu só actúo cando traballan, cando compoñen, cando cantan, cando viven por este país. Porque os dous xuntos representan, son, Galicia.

 

Mini.- (8,15 a 8,52).- Chámome Xosé Luís Rivas Cruz. Nacín en Pacios, no Concello de Begonte (Lugo), ano 1951. O meu sobrenome de Mini é de cando era mozote, que mo puxeron así por “miniárbitro”, “minibarba”, “minihistorias”... máis ca nada, por un apodo para un grupo musical, imitando ós Vetares daquela época dos nosos catorce anos.

Para min, Mero é o meu compañeiro de sempre, compañeiro de penurias e ilusións, de andanzas... compañeiro e amigo, que máis que compañeiro”.

 

Mero.- (4,32 a 4,45).- Chámome Baldomero Iglesias Dobarrio. Son chairego de Vilalba. O de Mero, venme de meu pai, que o mero da Abilleira.

Para min, Mini é o meu mellor amigo.

 

Voz en off.- A miña parte Mini, é pousada, silenciosa, voz fonda, rocha chairega, fito humano. A miña parte Mero, é máis faladora, entusiasta, sáelle o corazón pola boca... Os dous, iguais de entregados, concienzudos, concienciados... conxunción perfecta.

Eu, representando ós dous, son a unidade perfecta aínda que ningún deles é consciente disto.

Que cando empecei a ser Mini e Mero?... Pois téñoo perdido na memoria... Hai moito tempo. Coñecémonos no Instituto con pouco máis de dez anos; cadramos en actividades múltiples, deportivas, culturais... ata que nos xunguíu a amizade e a música.

 

Poñamos que a súa vida pública conxunta nace arredor do sesenta e oito. Eles son, eu son, consecuencia daquel tempo revolucionario no que se coidou poder mover o mundo. E movémolo.

 

Xesús Mato.- (3,05 a 3,40).- Mero e Mini apareceron na historia no momento oportuno; no momento en que en Galicia facía falla volver ás orixes, volver sobre todo a coñecer a nosa identidade, e viñan precisamente con con gañas de traballar, e con ideas moi claras.

Entón houbo unhas circunstancias e uns medios, onde todos nos ixemos. Eu tiven a sorte de acompañalos nesa época predemocrática, pero sobre todo que era alo por maio do 68, en que realmente estabamos todos cunha idea na cabeza, e o que tiña unha idea, naqueles tempos, podía desenvolvela.

Son artesáns da cultura, son sobre todo xente que quere ó pobo, que realmente Fuxan os ventos naceu cunha querencia, á cultura e ó pobo. E estamos aquí.

 

Voz en off.- Con Fuxan, fun maior...Aínda non sabía ben o que quería... Tiña milleiros de inquedanzas, centos de ilusións, gañas de facer cousas, todo o mundo por diante.

E, de repente, Xesús Mato, un grupo de amigos, o poema “Fuxan os ventos”, a música que nos leva, e o premio en Mondoñedo... Aí naceu “Fuxan os ventos”. Eramos un grupo vocal, que foi Galicia, que representou a Galicia, que revolucionou Galicia... simplemente porque soubemos pescudar no pasado, buscar na música popular, reinterpretala e ofrecerlla ós galegos de finais dos sesenta que a aceptaron como propia.

 

Paco Nieto (44,19 a 45,14).- Comeza a ser tempo de ver unha perspectiva nova de Fuxan os Ventos... lembrar tres feitos: 1968, nace Voces Ceibes. Un pouquiño máis adiante, o Movemento Popular da Nova Canción Galega. E inmediatamente despois, 1972, nace o grupo Fuxan os Ventos.

Pois eso, foi unha continuación. Fuxan os Ventos, pioneiro que deu o paso a moitos cantantes, moitos grupos de folc que se chamaban daquela. E a outra parte que eu considero vital, non sei se é recoñecida ou non, pero se non o está dbe ser a partir de xa, a labor de recollida de todo o antergo, de todos os petrucios, de todos os vellos e vellas que falaban coa xente, con todos os que por alí pasamos, que foi unha labor realmente fantástica e debe ser recoñecida.

 

Voz en off.- “Fuxan os Ventos” foi demasiado grande, e deixou de ser útil para os meus fins de servir a Galicia con todas as forzas, coas nosas voces, coas nosas vidas.

 

Non era que o grupo deixase de ter éxito, de ser unha das máis importantes voces de Galicia... Pero para min, “Fuxan os Ventos” deixou de ser unha razón de vivir, un instrumento político, cultural, social e de progreso... Algúns de nós fómonos, e comezou un tempo novo.

 

Mini.- (8,57 a 10,20).- Deixar Fuxan, para min, é o resultado da confusión política do momento e da desilusión de que un grupo non consiga manterse na primeira linea de combate cultural, social, político, de todo tipo... É o primeiro paso que da certo sector da sociedade a creer na política dos políticos e non na axitación social.

Naquel momento, creo que axeitar socialmente a sociedade, conseguir libertades, conseguir facer boa política, polo tanto como crein naquel momento que Fuxan non servía para eso xa, abandono Fuxan.

Para min supón un longo periodo da miña vida, un fortísimo traballo e unha exclusiva dedicación ó país. Supón tamén o final dunha etapa de ilusión que empeza a deixar de ser ilusión e intenta pousar, quere madurez. Posiblemente sexa a primeira etapa da miña primeira madurez a deixadez de Fuxan, e empezar un camiño novo.

 

Mero.- (4,50 a 5,00)Deixar Fuxan supuso romper cos principios que tiñamos asentados, e para min persoalmente foi un trauma.

 

Voz en Off.- Antes de Fuxan, houbo moitas cousas... Despois, moitas outras máis. Porque eu, Mini e Mero, escribín centos de poemas, musiquei innumerables cancións, ensaiei miles de horas, escribín libros de contos ou educativos, falei con miles de homes e mulleres que gardaban na memoria e no corazón o amor dos devanceiros...Escoitei ós cegos, sabios conservadores do máis esencial da nosa cultura popular…

E cantei, cantamos, en milleiros de lugares… en palleiras e teatros, en sitios moi finos ou sobre carros do país, cobrando ou sen cobrar… poñendo da nosa parte as voces, o esforzo, a alma. Cantando sempre.

Por iso, cando deixamos Fuxan os Ventos , nós os dous –eu– non podía vivir sen cantar… Sen formar parte dun organismo vivo que se dedicase a contar e cantar, a investigar, a compoñer, a espallar Galicia por Galicia adiante; porque iso foi o que sempre pretendín: rescatar da Galicia vella a historia e os xeitos, a música e a palabra, e ofrecerlla á Galicia de hoxe non como lembranza senón como vida… Para que o espírito dos devanceiros siga vivo na miña voz, e nas voces de todos os que conxuntamente nos chamamos galegos e somos fillos desta terra difícil e fermosa, dura ás veces, maternal sempre. E xurdíu “A Quenlla”.

 

Mero.- (6,04 a 7,06).- Deixado Fuxan os Ventos, tanto Mini como eu coidamos que podía ser un impasse no tempo, un deixar fluir as cousas fomo fose...

Pasou moi pouco tempo e soubemos que tiñamos necesidade de cantar, de seguir expresándonos pola voz, polas cancións, polos textos dos cantores, polas cancións que tiñamos no arquivo.

Pouco tempo pasou. Xuntámonos cun violinista, outro cantor, e fixemos o inicio de A Quenlla. A Quenlla supón conformar definitivamente un soño, materializar unha esperanza, a esperanza que supón recuperar por medio da voz e da canción, nós, o que é este pobo grandioso, esta cultura inmensa, o que é a poesía toda de amigos que están e moitos que se foron, e matizar, perfilar, definitivamente, moitos soños que temos en espera.

Mini.- (10,30 a 11,35).- A Quenlla, para min é un resultado de constatar, primeiro, que existe un mono respecto do escenario e da comunicación co público. Dous anos despois de deixar Fuxan, e é o resultado tamén da imposibilidade de manifestarse políticamente, socialmente, a través doutras canles, unha organización política, un sindicato...

A Quenlla é unha necesidade de seguir vertendo a un público ás veces imaxinario o que significa este país. Entón, A Quenlla é a materialización deso, empezar de novo a subir pasos dunha escaleira interminable, a gratificación de encontrar novos compañeiross – o vello compañeiro é xa parte dun – cara unha meta que non é meta. Estar, permanecer, e intentar mudar algo se se pode.

 

Voz en off.- “A Quenlla” empezou desde abaixo, investigando, estudando, recompoñendo, cantando; colaborando con institucións ou particulares, con agrupacións de veciños, asociacións culturais, concellos, e xentes que aman a Galicia.

A Quenlla foi e é un grupo atípico que non se rexe por criterios comerciais senón por unha filosofía de servizo ó país por medio da canción, coidando ser voceiros intemporais que escoitan ó pobo e –cantando- fan que o pobo sexa escoitado.

 

Chus Fernández (17,00 a 17,10).- Para min, A Quenlla é un xeito de exercer unha militancia política e social, sobre todo polos actos nos que sempre sabemos estar presentes.

Iria Rivas (19,29 en diante).- Para min, A Quenlla somos un grupo de xente que compartimos unha mesma ideoloxía e un mesmo tipo de música, co que disfrutamos moito cantando e tocando.

Carmen Fernández (18,10 a 19,14).- Para min, A Quenlla é un grupo que ten un xeito diferente de enfocar a música, diferente no panorama musical actual de Galicia. ((Ten os seus aspectos positivos, que pesan máis ca os negativos. No aspecto positivo,)) é un grupo moi reivindicativo, que non está conforme con determinados aspectos da sociedade, gustaríalle cambiar eses halos negativos que rodean a sociedade en moitos aspectos.

E o grupo de xente que conforma A Quenlla é interesantísimo. Somos – excepto Mini e Mero que son moi coñecidos- o resto, para o público en xeral somos como un halo misterioso que deixamos que poucos nos coñezan. Quizais baixo o meu punto de vista é algo positivo, porque o misterio tamén atrae ó público en xeral.

 

Voz en off.- “A Quenlla” é unha realidade que me enche de orgullo, plenamente vixente, que ten aínda moito que dicir e que facer na Galicia do comezo do século XXI.

 

Mikhail Ghanime (14,56 a 15,51).- Poñer en palabras o que é A Quenlla é difícil. Porque A Quenlla para min é unha emoción permanente, un sentimento que está sempre fervendo pola calor humana que transmiten as persoas que forman parte deste conxunto e polo contido que estas persoas transmiten. Un amor permanente máis aló das fronteiras, que ó que máis me impresiona, uns valores que están máis aló de calquera fronteira e ó mesmo tempo saben recoller o contido esencial do que é o pobo galego. Día a día, a simple cercanía de Mini e Mero e de todos os demais componentes, trnasmite a necesidade real, a posibilidade real e a presencia de que está vivo o noso pobo e implica cada vez, sempre, unha emoción, sempre. Para min, son constructores de vida, fundamentalmente.

 

Voz en off.- Formando parte de “A Quenlla” ou en solitario, andei Galicia de norte a sur, de oeste a leste... ... As cousas materiais non teñen importancia. O importante é a familia, a familia propia –as familias propias– e a familia grande de Galicia Corenta anos despois do comezo, son tan novo como entón, teño tanta ilusión como naquel sesenta e oito, teño tanto por facer como cando empecei...

 

Eduardo Corbelle (11,46 a 12,14).- Para min, A Quenlla é a oportunidade de traballar con xente de moita veteranía, dunha maneira moi particular de entender a música, que non é moi frecuente hoxendía, coa que eu coincido en grande medida. E sobre todo, un entorno no que facer música e un traballo político, solidario, con aqueles que máis o necesitan.

Mariña Quintillán (12,22 a 12,59).- Para min, A Quenlla é un grupo de amigos entrañables de toda a vida, para toda a vida, e unha ocasión de facer música e poesía da que a min me gusta con xente que para min son referentes e modelos, pola que sinto enorme admiración, e un sitio onde defender e popularizar ideas que é necesario manter vivas hoxe con maior forza que nunca.

Cesar Morais.- (15,59 a 16,09).- Para min, A Quenlla é un punto en común entre a música, a tradición, a historia, a diversión. É un grupo moi divertido. Un grupo no que me gusta estar, e algo que me gusta facer.

 

Voz en off.- Conseguin moitísimos amigos, porque moitísimos son os que sintonizan cunha idea de Galicia culta e soberana, herdeira dos esforzos dos devanceiros, con fabulosas riquezas agochadas na memoria da xente maior que hai que rescatar, conservar e espallar.

Pero chegados a estas alturas do tempo, teño que lembrar ós amigos que foron quedando no camiño... Manuel María, o cantor dunha patria pequena que é a miña, e dunha patria grande que é Galicia... Suso Vaamonde, rexa voz da terra... Fiz Vergara, a voz senlleira do fondal de Lóuzara... Chano Piñeiro... Ou Chus, a nosa violinista, que morreu nun desgraciado accidente, e Malula, unha das nosas primeiras voces.

E os amigos vivos, traballadores da cultura, activistas culturais entre os que destaca Alfonso Blanco, patriarca de Xermolos e da Fundación Manuel María da Terra Cha, a poeta Marica Campo, o chairego de honra Paco Martín, o chairego académico Darío Xohán Cabana ou Xosé Neira Vilas. E esa referencia inesquecible para todos os galegos que responde ó nome venerable de Avelino Pousa Antelo.

 

Alfonso Blanco.- (0,36 a 1,18).- A Quenlla é a fidelidade ó pobo, por eso o pobo síntese recoñecido neles. É a voz das esencias da nosa identidade. A Quenlla, son como esas augas limpias, transparentes, que naceu na fonte do Miño sen contaminar, sin adulterar, nin por intereses comerciais, nin de negocios. Sinon que leva esa coherencia. E mantén vivo o espírito do noso pobo, eses choros de voz que nos falan desa coraxe, que ten que ter Galicia hacia o futuro desde a súa propia historia.

 

E chego aquí, agosto de 2008, Chantada, Alto do Faro... Fermoso “suma e segue” vital que me honra e anima a seguir un camiño difícil pero tremendamente gratificante.

Grazas, amigos, pola homenaxe. A vida que teña, ben empregada está ó servizo de Galicia, a súa música, a súa cultura e a súa xente. Somos quenlla, quenlla namorada, sempre ó servizo de Galicia.